Seguro que lembras esa sensación de cando, coa paga semanal, baixabas á tenda que tiñas debaixo da túa casa: eras o neno ou a nena máis feliz do mundo porque ías poder mercar esa lambonada ou ese xoguete que levabas tanto tempo agardando.

En Ribadeo queremos que volvas  experimentar o mesmo sentimento que xurdía en ti nese intre no que, co mellor dos sorrisos, o tendeiro ou a tendeira che daba un detalliño extra. Coa Moeda Pancha as túas compras custan menos e valen moito máis.

Os pequenos detalles das persoas consumidoras contribúen á dinamización da economía do Concello e a crear emprego. Esas prendas á moda mercadas nunha tenda local, o pescado da Praza de Abastos ou o café de media mañá no bar de sempre son accións que supoñen moito para todos os veciños e veciñas da vila.

O impulso do comercio, da hostalaría e dos servizos locais é unha loita de todos e todas. Esta é razón de ser da Moeda Pancha, unha iniciativa que xorde coa meta de axudar tanto ás persoas consumidoras como ás comerciantes.

Aínda non te decataches? Se vas á oficina de ABANCA de Ribadeo con 30 euros sairás con 40 Panchas para mercar o que precises. Xa fixeches as contas? Se te achegas á hostalaría ribadense coa mellor das compañías e gozas dunha suculenta cea por un valor de 80 Panchas, estarás a gastar só 60 euros do teu peto, polo que os beneficios son insuperables.

Non o penses máis e bule a polas túas Panchas. Como este ano foi tan atípico, fagamos tamén que esa nube de mala sorte que rodea ao venres 13 se transforme nun día de oportunidades para a nosa vila. Agora está na man de todos e de todas sacarlle un sorriso ás persoas comerciantes e hostaleiras de Ribadeo. Vas perder a ocasión?