Que as Panchas calaron en Ribadeo é unha realidade incuestionable. Dende que comezou esta iniciativa o 9 de outubro, as persoas consumidoras adquiriron ata 2.200 packs de panchas, é dicir, un 60% do total. Como? Grazas á maxia do comercio local.

Non é raro quedar sorprendid@s cando vemos como 30 euros se transforman en 40, cos trucos imposibles nun programa de talentos na televisión ou cos efectos especiais dunha película, mais… que hai de certo en todo isto?

Comecemos pola parte coñecida: a Moeda Pancha. Con ela será moito máis doado facer un investimento no comercio, a hostalaría e os servizos locais de Ribadeo. Por que? Porque co simple feito de levar o teu DNI e 30 euros á oficina de ABANCA da localidade, a maxia transformaraos en 40 Panchas.

Seguro que notastes durante este mes que a vila ten máis movemento e vida. É certo que coa chegada das restricións percibiuse un descenso do número de persoas que percorren as nosas rúas. Sabemos que o peche perimetral é un obstáculo no noso obxectivo de fomentar o comercio do noso benquerido Ribadeo e, malia que os nosos veciños e veciñas de Lugo, Asturias ou A Coruña non nos poidan visitar nestes intres, de seguro toda a sociedade ribadense recibiraos axiña co mesmo agarimo de sempre.

Se ti tamén queres formar parte do cambio, esperta! Aínda quedan dúas semanas para que poidas ver como a maxia do movemento do consumo local pode acadar grandes resultados. Bule á oficina de ABANCA e consegue un dos menos de 1.500 packs que aínda quedan. Se o problema é que levas tempo querendo ir pero nunca encontras un oco, non sufras, podes entregarlle o teu DNI  a alguén para que as colla por ti. Elíxeo ben, non sexa que se lle poñan os dentes longos e quede coas túas panchas!