Pode que este non sexa o momento de maior certeza das nosas vidas: a situación sociosanitaria non nos deixa saber cando poderá abrir coma antes a hostalaría, se os comercios comezarán a ter aforos normais ou cando poderemos volver lucir sorrisos en vez de máscaras.

Non somos videntes nin sabemos dicirche o que vai pasar en Ribadeo no que queda de ano, pero si podemos axudar a que o futuro do noso pobo sexa o mellor posible. Como? Coa Moeda Pancha. Esta nova modalidade de pago nos establecementos de Ribadeo, á que a nosa benquerida Illa Pancha lle dá nome, fará que entre todas as persoas fomentemos o consumo en comercios, hostalaría e servizos locais.

Que ten que ver esta iniciativa co futuro da xente de Ribadeo? Pois é ben sinxelo! Para que o que está por vir sexa sinónimo de éxito, temos que recorrer aos comercios da vila. E entendemos como éxito facer que se consolide o traballo da veciñanza, evitando o peche dos negocios nos que investiron tanto esforzo e dedicación; contribuír á consolidación económica de Ribadeo; permitir que axudes a darlle vida á vila, e, en definitiva, a que haxa movemento de persoas.

Así que non teñas dúbidas, merca o que precises nos pequenos comercios do teu barrio, nesa mercería na que te chaman polo teu nome, no bar no que te sentes como na casa, na froitaría cun produto de calidade inmellorable ou na praza de Abastos, onde o bo xénero está garantido.

E, por suposto, non esquezas que chega o Nadal! O proxecto manterase ata o 1 de decembro polo que semella que este ano vas ter que facer as compras dos agasallos cun chisco de antelación. Non quedes cos brazos cruzados, gaña 10 euros grazas á colaboración do Concello conseguindo o teu pack de 40 panchas por 30 euros e destínaos a protexer o teu futuro e o de Ribadeo.