O cambio de hora é un momento do ano que nos inquieta a todos. Durmimos unha hora máis ou unha hora menos? Os días fanse máis longos ou máis curtos? Ás dúas son as tres? Ou ás tres son as dúas? Son moitas as preguntas que nos facemos, pero con todas elas chegamos á mesma conclusión: novembro xa está aquí.

Temos por diante un mes que parece feo, case tanto coma os disfraces de meiga que algúns nos poñemos para celebrar o Samaín: cústanos adaptarnos aos días curtos, parece que non dá chegado o Nadal e o mal tempo comeza a ser un feito. Menos mal que en Ribadeo temos un mar de oportunidades!

Coa situación excepcional que estamos a vivir este ano, é momento de arroupar ás persoas emprendedoras de Ribadeo e non nos podemos desentender! Entre todos e todas nós lograremos darlles algo de calor coa nosa colaboración.

Coa iniciativa da Moeda Pancha, poderemos axudar aos 108 establecementos adheridos a impulsar a súa actividade. A variedade é indiscutible: comercios de decoración, de alimentación, roupa, florerías, hostalaría, farmacias… Aínda tes dúbidas?

Axudando ao comercio local de Ribadeo tamén ti obtés beneficios. Con 30 euros conseguirás panchas por un valor de 40 euros para investir no que máis che apeteza: unhas flores para darlle vitalidade ao salón, uns zapatos para combatir a choiva, unha suculenta comida ou mesmo unhas máscaras para loitar contra o virus. Calquera investimento será bo tanto para o teu benestar como para o de todas as persoas que vivimos en Ribadeo.

Bule á oficina de ABANCA da localidade e faite coa nosa moeda local, a Pancha, e rendibiliza así as túas compras do mes axudando ademais ao impulso do comercio, a hostalaría e os servizos locais de Ribadeo. Non deixes que se che escape todo un mar de oportunidades!