Aínda non sabes que beneficios ten a Moeda Pancha para Ribadeo? Hai infinidade de motivos polos que esta iniciativa supoñerá unha visibilización e sensibilización da importancia do comercio local, a hostalería e os servizos da vila, e, por iso, hoxe querémolos compartir contigo.

Antes de nada, fagamos un cálculo: hai 3.700 packs de Panchas e en cada pack, que ten un custo de 30€, teremos un valor equivalente a 40€ que se vai investir no comercio local, a hostalería e os servizos. Isto supón un movemento de 148.000€ que quedan en Ribadeo!

Esta segunda edición da Moeda Pancha, despois da experiencia positiva do ano pasado, supón un importante impulso para os establecementos da localidade nun escenario tan particular coma o actual. A iniciativa impulsada polo Concello, en colaboración con ACISA e ABANCA, será un empurrón extra que axudará a que haxa máis movemento, ambiente e vitalidade nas súas rúas. Ribadeo vai ser moito máis que o plan perfecto para a fin de semana!

Aínda queres máis? Este plan tamén vai supoñer un pequeno respiro para a economía das persoas veciñas. Por que non darse un capricho con eses 10 € extra de cada pack? Coas Panchas pódese aforrar máis dun 30% nas compras nos establecementos adheridos ao programa.

Pero non todo son exclusivamente vantaxes para as persoas consumidoras. O comercio local tamén se verá beneficiado dunha iniciativa que lle achegará o pulo necesario para afrontar con maior seguridade os vindeiros meses. Grazas á Moeda Pancha os locais da vila terán máis peso na mente dos cidadáns.

Se xa te convencemos da importancia desta iniciativa… A que agardas? Bule á oficina de ABANCA da localidade e faite co teu primeiro pack. Lembra que as unidades son limitadas!