O diñeiro cae das árbores? A verdade é que moitas persoas vimos as nosas ilusións truncadas sobre esta afirmación cando a nosa familia nos dixo que non. Pero o certo é que co paso dos anos cada vez podemos ver máis a relación que existe entre os cartos e este dito…

Unha planta ou unha árbore é algo que temos que regar todos os días para que non perda a súa vitalidade. Co comercio, a hostalaría e os servizos locais pasa algo parecido, é necesario empapar co noso compromiso ás persoas comerciantes da localidade  para conseguir un crecemento xeral.

En Ribadeo temos interiorizado que o movemento financeiro da localidade é un tema que non pode quedar no tinteiro, sobre todo nos tempos que corren. A implicación e o desexo por coidar dos nosos derivou na Moeda Pancha, unha iniciativa por e para as persoas que queiran apoiar Ribadeo.

Se aínda non tes claro como funciona estás de sorte porque che imos facer un resumo. Bule á oficina de ABANCA da localidade e intercambia 30 euros por 40 Panchas. Con elas poderás ir a unha chea de establecementos da localidade entre comercios, servizos e hostalaría. Nalgún destes locais encontrarás todo o que necesites xa que a variedade está patente: alimentación, tecnoloxía, parafarmacia, roupa, zapatos, restaurantes… Non esperes máis!

Recorda que o Nadal está á volta da esquina… que o agasallo que tanta ilusión lle vai facer ao teu noivo ou noiva sexa da mítica tenda de Ribadeo e que os reencontros que levas tanto tempo agardando se realicen na hostalaría ribadense.

Así que non pares, participa no movemento de creación de emprego e dinamización da economía da vila. Non nos equivocaremos ao pensar que sairás beneficiado/a e de que os e as autónom@s, hostaleiros e hostaleiras cho agradecerán. Reguemos Ribadeo!