525 packs en menos de tres días: a este frenético ritmo é ao que a veciñanza de Ribadeo e das localidades da contorna están a facerse coas súas panchas na nova edición desta estratexia para a dinamización do comercio local e para o apoio á creación de emprego na vila.

Cos locais de hostalaría incorporados á relación dos 108 establecementos participantes como unha das principais novidades, o outono ribadense estase a tinguir do vermello, verde e azul dos billetes desta singular moeda, que multiplica o poder das persoas consumidoras. Deste xeito, quen se acheguen á oficina de ABANCA de Ribadeo con 30 euros poderán obter 40 panchas grazas ao esforzo económico do Concello, que destina preto de 40.000 euros a esta iniciativa para completar cada un dos packs postos á venda.

Esas 40 panchas, cuxo importe equivale a 40 euros, poden ser investidas ata o 1 de decembro no comercio, os servizos e a hostalaría da vila que previamente se adheriran a este proxecto. Cómpre ter en conta que esta iniciativa vai máis aló do simple valor económico desta moeda, xa que é un distintivo de compromiso con aquelas persoas que lle dan vida á localidade. Deste xeito, as panchas representan unha filosofía de vida que consiste en impulsar o próximo como un factor imprescindible de apoio á actividade cotiá.

Aínda non fuches polo teu pack? Pois lembra que as unidades son limitadas e que só nos primeiros tres días xa se adquiriron preto dun 15% dos 3.700 lotes que se puxeron á disposición neste outono de 2020. Para as túas compras de Nadal, para esa cea pendente ou para agasallarte con ese capricho pendente: ti decides o que, porque o onde é Ribadeo e o seu comercio local.