A Moeda Pancha chegou para quedar! Temos moitas novas que seguro vos van interesar: os nosos particulares cartos van acompañarnos durante todo o Nadal.

Este ano queremos que os Reis Magos e Papá Noel fagan as compras de Nadal no comercio local de Ribadeo, e que cando rematen a súa tarefa tomen algo nun dos establecementos de hostalaría da vila. E como os queremos motivar? Coa nosa moeda local.

Este impulso da economía de proximidade comezou a súa andaina o 9 de outubro, momento no que puxemos a disposición da veciñanza 3.700 packs de 40 Panchas. Máis de 108 establecementos sumáronse ao movemento, as persoas consumidoras non o dubidaron e foron á oficina de ABANCA a polos cartos ribadenses.

Sabemos que estamos nuns momentos delicados para as persoas de Ribadeo, de Galicia e do mundo en xeral polo que, logo de case dous meses de dinamización da economía, vemos preciso ampliar o período de tempo no que as panchas actuarán. Dende o 1 de decembro e ata o 5 de xaneiro, poremos a disposición das persoas consumidoras 2.000 novos lotes. Con este investimento a maiores de 20.000 euros, pretendemos fomentar o consumo na localidade, e facerlle este Nadal máis doado a comerciantes, hostaleiros, hostaleiras e consumidor@s.

Ademais para que ningún establecemento quede coas ganas, abriremos un novo período para que calquera comercio, restaurante, bar ou servizo de Ribadeo se sume á iniciativa. O prazo rematará o vindeiro venres 4 de decembro, así que non deixes pasar a ocasión.

E isto non é todo, tamén temos novas para as persoas consumidoras! Para facer máis atractiva a iniciativa, ampliaremos a 10 o número de packs que poderán ser adquiridos por cada persoa. Se pensabas que esgotaras as túas oportunidades de conseguir 10 euros adicionais aos 30 investidos, hoxe estás de sorte. Bule á oficina de ABANCA!

Con este orzamento de 57.000 euros lograremos mobilizar unha media de 200.000 euros e estaremos máis preto de ser un referente activo, dinámico e aberto a todas as persoas que queiran beneficiarse da maxia de Ribadeo. Deixa de darlle voltas, este Nadal percorre as rúas da vila en busca das mellores experiencias, e agasalla ás autónomas e autónomos que tanto ben nos fan.